PREGOEIRO DAS INTERNACIONAIS FESTAS DO CORPUS CHRISTI DE PONTEAREAS 2017

Tamuxe deu lectura ao pregón do Corpus, tomando o relevo do xornalista da Televisión Española, Roi Groba, pregoeiro en 2016

TAMUXE FOI HOMENAXEADO POLO CONCELLO DO ROSAL NA XXVIII FESTA DO CABAQUEIRO

Condecorado publicamente coa insignia do Concello e cun "Castelao" en recoñecemento "pola súa labor história e de investigación da cultura rosaleira"

EXPOSICIÓN DO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DOS MEDOS (CURRÁS, CONCELLO DE TOMIÑO)

Na imaxe, Tamuxe e Juan Ramón M. Barbosa diante do panel que informa do descubrimento de 1972 realizado polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño

PRESENTACIÓN DO TERCEIRO NÚMERO DE CASTELLUM TYDE NA ÁREA PANORÁMICA DE TUI

Na imaxe, Xoán M. Tamuxe na compaña do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e os historiadores, membros do Instituto, Xavier Añoveros e Marta Cendón

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE FOI O PREGOEIRO DA VI FESTA DO PERCEBE DE VILADESUSO (OIA)

O alcalde de Oia, Alejandro Rodríguez, -ex alumno de Tamuxe- foi o encargado de dar a benvida ao acto e presentar ao pregoeiro

PRESENTACIÓN DO PRIMEIRO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, Xosé Carlos Valle Pérez, Xoán Martínez Tamuxe e Rafael Sánchez Bargiela

PRESENTACIÓN DO SEGUNDO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, algúns dos membros do Instituto de Estudios Tudenses, asistentes ao acto que se celebrou na Área Panorámica de Tui

TAMUXE, NA REUNIÓN PREVIA DA XXIV FESTA DO CABAQUEIRO 2011

Na imaxe, con membros da Directiva da Asociación Os Cabaqueiros, a concelleira de Cutura e os mestres telleiros

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE, PREGOEIRO DA XVI FESTA LUSO-GALAICA DEDICADA A O ROSAL

Na imaxe, Tamuxe coa súa dona, nos exteriores da Casa da Anta (Lanhelas-Portugal)

Visitando o monumental "Hórreo de Carnota"



De Baroña seguimos camiñando en familia, sen deixar de contemplar rías, praias, dunas e mar. Logo tamén, Noia, Muros, Lariño, Lira… 

Xa chegamos ao concello de Carnota (de impresionante praia, máis de 5 km) e concretamente á parroquia de San Mamede. 

Aquí visitamos o templo parroquial de alta torre, rematada en 1755. Seu altar, isto é, o retablo, de estilo neoclásico, é obra do escultor Ferreiro.


A imaxe, que se mostra na ornacina da entrada principal, por suposto, é a do seu patrono, San Mamede. 

Pero a razón desta intencionada e terceira parada é visitar e coñecer de preto o celebrado “Hórreo de Carnota”. Desta monumental construción, só lembraremos que se trata como de algo necesario e complementario, máxime noutros tempos, da casa labrega, tanto de pobres como de ricos (grandes ou pequenos).


Segundo a comarca, así se denominaba no Dicionario Xerais da Lingua 2006: “Celeiro, cabazo, cabaceiro, canastro, espigueiro, jalleira e piorno”. E a estes nomes, temos que engadir o que empregamos, cando menos na nosa bisbarra do Baixo Miño: o “canizo”. Nome, sen dúbida, sinónimo real, xa que lembran idéntica composición, o texido de canas (tiras de madeira, en forma de láminas…) que pechan o canizo, deixando rendixas para entrar o aire e sequen as espigas.

Concretamente do excepcional “canizo de Carnota” anotamos o que se recolle sobre el na Gran Enciclopedia Gallega e nesa entrada: “El hórreo de Carnota construido en dos etapas (1768 y 1783) tiene una longitud de 34’76 metros y está sostenido por 22 pares de columnas. Perfectamente labrado en buena cantería, su autoría corresponde a Gregorio Quintela. Está declarado actualmente como Monumento Nacional”.



Hórreo semellante, aínda que menos popular, se atopa aquí en Lira. O hórreo sitúase próximo á igrexa parroquial e tamén moi preto da reitoral, con pombal (tipo pazo) a quen pertencía dito canizo.

Aproveitamos esta singular ocasión para posar diante desta, tamén singular xoia arquitectónica, das máis monumentais de Galicia.

O Castro de Baroña. Viaxe pola Costa ata Fisterra



Da nosa viaxe familiar pola Costa de Galicia esta foi a segunda parada. Unha visita obrigada a este singular xacemento arqueolóxico: “O Castro de Baroña”.

Sitúase na parroquia de San Pedro de Baroña, municipio de O Porto do Son (A Coruña).

Trátase dun asentamento galaico-marítimo, emprazado sobre unha península ocupada na súa totalidade entre varias elevacións e acantilados.


Poboado, pois, metido no mar, que estivo ocupado entre o século I antes de Cristo ao fin do século I despois de Cristo.

Lembramos que estivo protexido por doble muralla. O acceso a este recinto habitacional se realizaba a través dunha única porta.

Tense efectuado neste poboado diferentes escavacións. Entre os descubrimentos cabe sinalar máis dunha vintena de construcións, tanto de forma circular, como outras de ángulos redondeados, sen faltar algunhas de rarísima pranta.


Difícil o poder determinar a súa altura, así como a súa dedicación (vivendas, almacéns, algunha corte, etc).

Procedente das vivendas escavadas, son os diversos obxectos de pedra, tal como muíños, pesos de rede (para a pesca) machadas pulimentadas, moldes de fundición (quizais dun pequeno cunco), varios cravos de bronce, así como unha asa decorada, anelos, fíbulas, etc. 

E, por suposto, fragmentos de cerámica (de rara composición) e difícil a súa reconstrución. Toda ela, cerámica (vasillas) de carácter indíxena e varias, incluso, ornamentadas.


Con tal panorámica, aproveitamos para posar só e en familia, como lembranza de ter estado aquí.

As Festas do Cristo de Uma dende o século XVIII


Outro ano máis, San Andrés de Uma celebra o vindeiro domingo día 6 de agosto e con toda solemnidade, a súa “festa maior”: O Cristo da Saúde.

Pero antes de abordar o programa da festa, faremos unha breve sembranza da parroquia a fin de enriquecer o coñecemento histórico sobre o noso pobo.


A primeira mención escrita, histórica, da que temos constancia da nosa freguesía do apóstolo San Andrés, remóntase ao século XIII, concretamente ao ano 1289. Alusión que se fai á parroquia de “Huma”, a propósito da relación dos milagres de San Pedro G. Telmo, patrono da diócese de Tui.

Anos despois, pero tamén en pleno século XIII, cando a fundación do Mosteiro da Nosa Señora da Fonte ou da Franqueira, Payo Sorrodea i Sotomaior, Señor de Salvaterra, donou aos monxes cistercienses, entre outros lugares, Uma con toda a súa xurisdición civil e criminal. Doazón que foi confirmada por Juan I, rei de Aragón i Enrique III, rei de Castela.



E porque o Mosteiro da Franqueira estivo durante algún tempo vinculado ao de Melón, a nosa parroquia de Uma, tamén o estivo. Pero desta circunstancia histórica xa falaremos en mellor ocasión.

San Andrés foi sempre rexentada na orde pastoral, polos monxes da Franqueira; e máis tarde por cregos seculares, delegados por aquel mosteiro. 

E por último, máxime, despois da nefasta Desamortización de 1835, por cregos designados polo bispo da Diócese.

A nosa parroquia, como filial da de Santa María da Franqueira, e cando menos dende o século XVIII, vén peregrinando á Franqueira nas dúas grandes romarías.


Queremos agora lembrar que Uma celebra o vindeiro domingo 6 de agosto as súas “festas maiores” na honra do Santo Cristo da Saúde, avogado, en especial das doenzas da cabeza. Festa que xa se vén conmemorando anualmente dende o século XVIII, concretamente, segundo documentación histórica, ano 1756. 

Nesta data fálase da composición do altar-retablo, de pintar-policromar a imaxe do Santo Cristo, etc. D. Caietano Fernández Barreiro, nomeado polo abade da Franqueira.

Así, pois, como cada ano, ás 12 horas, o párroco Rvdo. D. José Carlos Pérez Montes, oficiará a Santa Misa solemne-cantada ao Santo Cristo polo “Grupo Insieme”.

Rematada a Eucaristía, o Santo Cristo sairá en solemne e devota procesión, facendo o itinerario de costume dando a volta ao artístico cruceiro do torreiro, obra costeada polo párroco naquel entón, 1877, o Rvdo. D. Rafael Durán i Mera.

Rematada a procesión, toda ela con repique de campá, no “Torreiro” Banda de Música Xuvenil de Xinzo, interpretará algunha composición a fin de que o público escoite, baile e aplauda.


O luns, é de ritual a misa solemne, que está dedicada á Nosa Señora. A imaxe que sae na procesión é a talla da Nosa Señora do Carme, de singular devoción na parroquia.