O falso petróglifo dos Muíños do Folón (O Rosal)



Por fin a nosa hipótese, suposición e dúbidas en col do “curioso gravado” do que tratamos na nosa última entrada, quedaron despexadas.

Xa sabemos por un amigo, que tales gravados, realizados con mestría, lembrando á arte rupestre, aos populares petróglifos, non son antigos, menos de época prehistórica, senón que son de onte, isto é, obra de fai poucos anos.


Non se nos quixo dicir o nome do “artista” émulo da Idade do Bronce. Tamén así evitamos a visita ao hipotético e falso conxunto repestre dos nosos amigos arqueólogos, que tiñamos convidados a admirar ese “curioso gravado”.

O noso amigo informador, soubo antes que nós, que os mentados gravados son falsos e recentes, porque llo dixo o propio “artista”.

Descoñecemos onde e como se realizou o encontro clave –aclaratorio- que nos resolveu a nosa dúbida, por falla de evidencia.


Por todo o que antecede, temos agora certeza (sempre que o “dito” sexa veraz):

1º.- Que o repetido gravado en cuestión non é prehistórico.
2º.- Que o autor do gravado é todo un formidable debuxante.
3º.- Que se trata dun “artista” para realizar réplicas ou reproducións, claro está, impresionantes, pero falsas… que poden conducir a erro…
4º.- Que certas réplicas, para evidenciar que son iso, “réplicas”, copias e non orixinais, aínda que se atopen insculturadas nunha laxe, no monte, e ao aire libre, deben acompañarse de algunha data, inicial, marca, etc.
5º.- Non dubidamos que o autor das aludidas insculturas do Folón conta con certos coñecementos da arte rupestre. Coñecemento que por iso non xustifica, senón todo o contrario.
6º E que, certamente, non se trata, por suposto, de ningún arqueólogo. Tal brinquedo, equivale a “xogar coa pólvora”… e iso é perigoso.

Segundo as circunstancias, posiblemente, volvamos a facilitar novas aclaracións.