PREGOEIRO DAS INTERNACIONAIS FESTAS DO CORPUS CHRISTI DE PONTEAREAS 2017

Tamuxe deu lectura ao pregón do Corpus, tomando o relevo do xornalista da Televisión Española, Roi Groba, pregoeiro en 2016

TAMUXE FOI HOMENAXEADO POLO CONCELLO DO ROSAL NA XXVIII FESTA DO CABAQUEIRO

Condecorado publicamente coa insignia do Concello e cun "Castelao" en recoñecemento "pola súa labor história e de investigación da cultura rosaleira"

EXPOSICIÓN DO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DOS MEDOS (CURRÁS, CONCELLO DE TOMIÑO)

Na imaxe, Tamuxe e Juan Ramón M. Barbosa diante do panel que informa do descubrimento de 1972 realizado polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño

PRESENTACIÓN DO TERCEIRO NÚMERO DE CASTELLUM TYDE NA ÁREA PANORÁMICA DE TUI

Na imaxe, Xoán M. Tamuxe na compaña do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e os historiadores, membros do Instituto, Xavier Añoveros e Marta Cendón

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE FOI O PREGOEIRO DA VI FESTA DO PERCEBE DE VILADESUSO (OIA)

O alcalde de Oia, Alejandro Rodríguez, -ex alumno de Tamuxe- foi o encargado de dar a benvida ao acto e presentar ao pregoeiro

PRESENTACIÓN DO PRIMEIRO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, Xosé Carlos Valle Pérez, Xoán Martínez Tamuxe e Rafael Sánchez Bargiela

PRESENTACIÓN DO SEGUNDO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, algúns dos membros do Instituto de Estudios Tudenses, asistentes ao acto que se celebrou na Área Panorámica de Tui

TAMUXE, NA REUNIÓN PREVIA DA XXIV FESTA DO CABAQUEIRO 2011

Na imaxe, con membros da Directiva da Asociación Os Cabaqueiros, a concelleira de Cutura e os mestres telleiros

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE, PREGOEIRO DA XVI FESTA LUSO-GALAICA DEDICADA A O ROSAL

Na imaxe, Tamuxe coa súa dona, nos exteriores da Casa da Anta (Lanhelas-Portugal)

Lembrando ao amigo Jesús Gómez Sobrino


O pasado 8 de decembro de 2017, fixo 31 anos que o carísimo amigo Jesús Gómez Sobrino nos deixou para irse á Casa Celestial de Deus, noso Pai.


A súa familia guardesa, os seus exfregueses das parroquias de San Xoán de Amorín e tamén de San Martín de Currás (Tomiño), así como os seus amigos de verdade, non esquecemos.


Así, pois, lembramos que ao ano seguinte do seu inesperado falecemento, na súa parroquia de Amorín, e en plena misión pastoral, o propio pobo fíxolle xa unha singular e sincera homenaxe.

Consistiu esta nunha publicación dedicada a el, resaltando a súa nobre e humilde personalidade, así como a súa intelixencia e a súa capacidade de traballo. Reflectida esta como exemplar sacerdote, tanto no seu labor nas parroquias como nas obrigas do Museo e Arquivo Histórico Diocesano, así como nas aulas onde foi profesor voluntario. 


Todo isto sen esquecer as tarefas de investigación na Historia e na Arqueoloxía, máxime de Tui e da comarca do Baixo Miño.


O nome daquela publicación, un libro, que editou a Comisión Organizadora para esta súa homenaxe, se denominou: IN MEMORIAM. JESÚS GÓMEZ SOBRINO, Tui, 1987. Trátase dunha tirada de 400 exemplares numerados. Disto fai agora 30 anos.


Outro recoñecemento aos seus méritos e gratitude ao seu múltiple labor, pero máxime pastoral como crego, débese neste caso aos fregueses de Amorín.


Cúmprense pois 8 anos que esta parroquia de San Xoán de Amorín lle rendeu tamén un 8 de novembro de Nadal do ano 2009, unha calurosa homenaxe a Don Jesús.


A organización correu a cargo da Asociación de Veciños de Amorín, coa colaboración da Concellería de Cultura, Educación e Participación Veciñal de Tomiño.

Este foi o programa desa popular e cordial homenaxe.

Ás 11: Misa cantada pola Coral Polifónica de Tomiño. Oficiou a Santa Misa o Rvdo. M.I.D. Ricardo García Fernández, cóengo da Catedral e párroco de Tui.

Ás 12: presentación da vida e obra de D. Jesús Gómez Sobrino.

Ás 12:30: Descubrimento dunha praca conmemorativa (obra do escultor Antúnez Pousa) a cargo da alcaldesa de Tomiño, Dª Sandra González. Inauguración da Praza Jesús Gómez Sobrino. A este solemne acto-homenaxe, asistiron veciños, familiares, amigos e prensa.

A vontade do Altísimo é inescrutable. Tamén sabemos que a casualidade non existe. Pero a Providencia Divina, si. Gómez Sobrino, o 8 de Nadal de 1935 (día da Inmaculada Concepción, da que noso amigo era gran devoto) chegou a esta vida terrenal. E tamén o 28 de Nadal de 1986, ben seguro na compaña da nosa Nai do Ceo alcanzou a Vida Celestial. ¡Carísimo amigo, intercede por nós!

Visita ao Pazo de Liñares (BIC) en Lalín



Rematada a nosa xira familiar con final de etapa en Fisterra, saímos cara a Santiago de Compostela onde estaba programado pernoctar ese día cun familiar que traballa nesa cidade. Á mañá seguinte, camiño das nosas casas.


Xa na provincia de Pontevedra, entre outras poboacións, cruzamos Cira, Dornelas, Silleda para chegar a Lalín.


Aquí fixemos unha parada co obxectivo de visitar o museo coñecido como “Pazo de Liñares”, no que naceu o aviador galego Joaquín Loriga. No 2014 abriu novas instalacións con dúas salas de exposicións e biblioteca. 


Tamén ao longo do percorrido poden coñecerse distintas temáticas: manipulación de marionetas, cabezóns e xigantes, os monicreques na tradición e na cultura do mundo, etc. 


Conta, así mesmo, con outras salas, tal como a dedicada a pertenzas do aviador Loriga, salas de estudo, investigación e restauración de pezas arqueolóxicas da comarca, etc. ¡En fin, algo digno de ver!


Deixamos Lalín (Pontevedra) e pasamos ao concello do Irixo (Ourense), onde aproveitamos para saudar aos nosos parentes na Esgueva, parroquia de Madarnás (Carballiño). 


De aquí, xa directos a Salvaterra e a O Rosal.

Gravados rupestres prehistóricos en Taboexa



Lembrando ao amigo Alejandro no 4º aniversario do seu pasamento

Voltamos outra vez aos montes de Taboexa (As Neves), para abordar temas arqueolóxicos. Dicimos "voltamos", xa que fai algún tempo, na compaña de familiares percorremos boa parte de Taboexa e montes máis inmediatos.

Concretamente de Taboexa, sen dúbida, unha das parroquias máis antigas, como tamén ricas arqueoloxicamente do Condado-Paradanta, publicamos no periódico de Ponteareas, A Peneira, ata 21 colaboracións.

E chegamos a Taboexa, por contactar, circunstancialmente, cos nosos carísimos amigos Alejandro Míguez Álvarez (xa finado) e a súa dona Rosi, grandes estudosos da Prehistoria, da Historia e da Cultura do seu querido pobo. Todo isto é verificable, se entramos en Internet, na súa expresiva páxina que el, metaforicamente, denominou, bitácora: As Pedras de Taboexa Falan.



Eles foron, precisamente, quenes nos falaron desas ricas estacións de interesantes gravados rupestres, e nos levaron ao lugar onde se atopaban. Trátase, para nós, de dous novos conxuntos nesa zona: un de época prehistórica e o outro de carácter histórico.

Nesta ocasión só trataremos do conxunto de gravados de época prehistórica. Gravados que se atopan, segundo nos dixeron, no barrio das Barreiras, lugar da Coutada. Xacemento que foi descuberto, segundo Alejandro, fai anos, polo seu veciño e amigo, Miguel Rodríguez Alonso.




Deste grupo de gravados, xa o amigo Alejandro, aínda que con brevidade e ata con sabor poético, falou destes achádegos.

Desta, para nós, nova estación rupestre (petróglifos) que visitamos con esta familia, sen dúbida, que se trata de valiosos testemuños da época prehistórica-do Bronce Final, de 1200 a 700 anos antes de Cristo.

Emprázanse ditos gravados nun pequeno coto no lugar, segundo referenza, denominado Coutada, ladeira suroeste do Sannomedio. Trátase dun grupo de catro laxes, que se atopan a 12 metros do ramal que sube a Sannomedio e á pista forestal-terreña, que marcha cara ao sureste, mesmo nese ángulo.


Neste primeiro conxunto, laxe de 2x2 metros, máis ao leste, case plana, obsérvanse diversos e típicos motivos, ata cinco figuras circulares: dúas, circulos radiados; outras dúas, simples círculos; e unha de círculos concéntricos.

Medidas só anotamos as dos círculos concéntricos, 40 cm en diámetro; a maior das figuras radiadas, mide 34 cm.

O segundo conxunto, laxe tamén de 2x2 metros, de forma irregular, presenta forma un tanto abombada, distante da primeira, sobre un metro. Mostra cantidade de sucos (ata oito), algúns serpentiformes con cobiña na punta, así como varias coviñas e pequenos círculos. Un deles, con cruz inscrita.




Deste conxunto, o máis curioso é a concentración de liñas (sucos) que se entrelazan, dando a impresión dunha figura un tanto laberíntica.

O terceiro conxunto, case pegado ao anterior, de similar medida, mostrando cantidade de sucos por toda a rocha, un tanto alongada, volta cara ao leste.

O cuarto conxunto é o máis simple. Na correspondente laxe, case plana, un tanto inclinada e volta ao ponente, mostra un só suco serpentiforme, con coviña simulando a cabeza e tamén un círculo simulando quizais que é ovípara. O longo deles é de dous metros.

Atópase á esquerda e a escasos metros da pista forestal xa referida. 

A insculturación de todos os gravados é amplia e de técnica en u.

Santa Marta de Ribarteme. Entre a vida e a morte



A parroquia de San Xosé de Ribarteme (As Neves), celebrou fai pouco unha das festas-romarías de máis sona e famosas de Galicia. Queremos referirnos ás de Santa Marta, irmá de Lázaro e de María Madanela.


Toda a contorna da igrexa atopábase, como cada ano, engalanada e con abondosa presenza de vendedores de todo…



O principal acto relixioso en loubanza da milagreira Santa Marta, foi a misa solemne cantada das 12 horas.


Por ser tanta a xente devota que concorre a esta popular romaría, habilítase, cada ano, unha grande carpa no adro, paralela ao lateral esquerdo da igrexa parroquial, xa que esta resulta pequena.


Rematada a Eucaristía organízase a singular e impresionante procesión, caracterizada pola presenza de cadaleitos, xa portando neles os devotos oferentes, xa baleiros e portados por quenes así fixeron a súa promesa. Outros devotos e de xeonllos, tamén acompañaron á Santa durante a longa procesión (unha hora) polo itinerario de costume.


Na procesión a cruz parroquial abría paso marcando o percorrido, seguíndolle o pendón, logo o estandarte e a devota imaxe da Santa. 


Detrás, acompañando e presidindo a relixiosa comitiva, novidosa e ata emocionante procesión, lle seguía o clero oficiante.


E, baixo un implacable sol, desfilaron os cadaleitos ofrecidos, este ano nun total de nove, como podemos verificar polas fotos.


E por último, pechaba a solemne procesión, tan orixinal como piadosa, o acompañamento da Lira de Ribadavia e a Banda de Música Unión de Gulanes.

Fisterra. Unha fermosa viaxe pola costa de Galicia


Deixamos Carnota e seguimos disfrutando da Costa polas poboacións do Pindo, Ézaro, Cee e Corcubión… para chegar a Fisterra.


Aquí, en tan corto espazo, como impresionante enclave xeográfico, onde acaba a terra (Finisterrae) se impón a inmensidade do mar e o horizonte no infinito.


Visitamos este cabo (con interesante faro-edificio) e outras estancias, monumentos, puntos históricos, de tradicións, etc; lamentando, por falla de tempo, non poder visitar algún santuario e xacemento arqueolóxico.


Esta é pois, a fin de etapa proposta nesta ocasión pola familia (de Salvaterra e de O Rosal).


Mercados algún “recordos” do lugar, posamos para sacar a obrigada foto familiar.

Visitando o monumental "Hórreo de Carnota"



De Baroña seguimos camiñando en familia, sen deixar de contemplar rías, praias, dunas e mar. Logo tamén, Noia, Muros, Lariño, Lira… 

Xa chegamos ao concello de Carnota (de impresionante praia, máis de 5 km) e concretamente á parroquia de San Mamede. 

Aquí visitamos o templo parroquial de alta torre, rematada en 1755. Seu altar, isto é, o retablo, de estilo neoclásico, é obra do escultor Ferreiro.


A imaxe, que se mostra na ornacina da entrada principal, por suposto, é a do seu patrono, San Mamede. 

Pero a razón desta intencionada e terceira parada é visitar e coñecer de preto o celebrado “Hórreo de Carnota”. Desta monumental construción, só lembraremos que se trata como de algo necesario e complementario, máxime noutros tempos, da casa labrega, tanto de pobres como de ricos (grandes ou pequenos).


Segundo a comarca, así se denominaba no Dicionario Xerais da Lingua 2006: “Celeiro, cabazo, cabaceiro, canastro, espigueiro, jalleira e piorno”. E a estes nomes, temos que engadir o que empregamos, cando menos na nosa bisbarra do Baixo Miño: o “canizo”. Nome, sen dúbida, sinónimo real, xa que lembran idéntica composición, o texido de canas (tiras de madeira, en forma de láminas…) que pechan o canizo, deixando rendixas para entrar o aire e sequen as espigas.

Concretamente do excepcional “canizo de Carnota” anotamos o que se recolle sobre el na Gran Enciclopedia Gallega e nesa entrada: “El hórreo de Carnota construido en dos etapas (1768 y 1783) tiene una longitud de 34’76 metros y está sostenido por 22 pares de columnas. Perfectamente labrado en buena cantería, su autoría corresponde a Gregorio Quintela. Está declarado actualmente como Monumento Nacional”.



Hórreo semellante, aínda que menos popular, se atopa aquí en Lira. O hórreo sitúase próximo á igrexa parroquial e tamén moi preto da reitoral, con pombal (tipo pazo) a quen pertencía dito canizo.

Aproveitamos esta singular ocasión para posar diante desta, tamén singular xoia arquitectónica, das máis monumentais de Galicia.

O Castro de Baroña. Viaxe pola Costa ata Fisterra



Da nosa viaxe familiar pola Costa de Galicia esta foi a segunda parada. Unha visita obrigada a este singular xacemento arqueolóxico: “O Castro de Baroña”.

Sitúase na parroquia de San Pedro de Baroña, municipio de O Porto do Son (A Coruña).

Trátase dun asentamento galaico-marítimo, emprazado sobre unha península ocupada na súa totalidade entre varias elevacións e acantilados.


Poboado, pois, metido no mar, que estivo ocupado entre o século I antes de Cristo ao fin do século I despois de Cristo.

Lembramos que estivo protexido por doble muralla. O acceso a este recinto habitacional se realizaba a través dunha única porta.

Tense efectuado neste poboado diferentes escavacións. Entre os descubrimentos cabe sinalar máis dunha vintena de construcións, tanto de forma circular, como outras de ángulos redondeados, sen faltar algunhas de rarísima pranta.


Difícil o poder determinar a súa altura, así como a súa dedicación (vivendas, almacéns, algunha corte, etc).

Procedente das vivendas escavadas, son os diversos obxectos de pedra, tal como muíños, pesos de rede (para a pesca) machadas pulimentadas, moldes de fundición (quizais dun pequeno cunco), varios cravos de bronce, así como unha asa decorada, anelos, fíbulas, etc. 

E, por suposto, fragmentos de cerámica (de rara composición) e difícil a súa reconstrución. Toda ela, cerámica (vasillas) de carácter indíxena e varias, incluso, ornamentadas.


Con tal panorámica, aproveitamos para posar só e en familia, como lembranza de ter estado aquí.

As Festas do Cristo de Uma dende o século XVIII


Outro ano máis, San Andrés de Uma celebra o vindeiro domingo día 6 de agosto e con toda solemnidade, a súa “festa maior”: O Cristo da Saúde.

Pero antes de abordar o programa da festa, faremos unha breve sembranza da parroquia a fin de enriquecer o coñecemento histórico sobre o noso pobo.


A primeira mención escrita, histórica, da que temos constancia da nosa freguesía do apóstolo San Andrés, remóntase ao século XIII, concretamente ao ano 1289. Alusión que se fai á parroquia de “Huma”, a propósito da relación dos milagres de San Pedro G. Telmo, patrono da diócese de Tui.

Anos despois, pero tamén en pleno século XIII, cando a fundación do Mosteiro da Nosa Señora da Fonte ou da Franqueira, Payo Sorrodea i Sotomaior, Señor de Salvaterra, donou aos monxes cistercienses, entre outros lugares, Uma con toda a súa xurisdición civil e criminal. Doazón que foi confirmada por Juan I, rei de Aragón i Enrique III, rei de Castela.



E porque o Mosteiro da Franqueira estivo durante algún tempo vinculado ao de Melón, a nosa parroquia de Uma, tamén o estivo. Pero desta circunstancia histórica xa falaremos en mellor ocasión.

San Andrés foi sempre rexentada na orde pastoral, polos monxes da Franqueira; e máis tarde por cregos seculares, delegados por aquel mosteiro. 

E por último, máxime, despois da nefasta Desamortización de 1835, por cregos designados polo bispo da Diócese.

A nosa parroquia, como filial da de Santa María da Franqueira, e cando menos dende o século XVIII, vén peregrinando á Franqueira nas dúas grandes romarías.


Queremos agora lembrar que Uma celebra o vindeiro domingo 6 de agosto as súas “festas maiores” na honra do Santo Cristo da Saúde, avogado, en especial das doenzas da cabeza. Festa que xa se vén conmemorando anualmente dende o século XVIII, concretamente, segundo documentación histórica, ano 1756. 

Nesta data fálase da composición do altar-retablo, de pintar-policromar a imaxe do Santo Cristo, etc. D. Caietano Fernández Barreiro, nomeado polo abade da Franqueira.

Así, pois, como cada ano, ás 12 horas, o párroco Rvdo. D. José Carlos Pérez Montes, oficiará a Santa Misa solemne-cantada ao Santo Cristo polo “Grupo Insieme”.

Rematada a Eucaristía, o Santo Cristo sairá en solemne e devota procesión, facendo o itinerario de costume dando a volta ao artístico cruceiro do torreiro, obra costeada polo párroco naquel entón, 1877, o Rvdo. D. Rafael Durán i Mera.

Rematada a procesión, toda ela con repique de campá, no “Torreiro” Banda de Música Xuvenil de Xinzo, interpretará algunha composición a fin de que o público escoite, baile e aplauda.


O luns, é de ritual a misa solemne, que está dedicada á Nosa Señora. A imaxe que sae na procesión é a talla da Nosa Señora do Carme, de singular devoción na parroquia.


O falso petróglifo dos Muíños do Folón (O Rosal)



Por fin a nosa hipótese, suposición e dúbidas en col do “curioso gravado” do que tratamos na nosa última entrada, quedaron despexadas.

Xa sabemos por un amigo, que tales gravados, realizados con mestría, lembrando á arte rupestre, aos populares petróglifos, non son antigos, menos de época prehistórica, senón que son de onte, isto é, obra de fai poucos anos.


Non se nos quixo dicir o nome do “artista” émulo da Idade do Bronce. Tamén así evitamos a visita ao hipotético e falso conxunto repestre dos nosos amigos arqueólogos, que tiñamos convidados a admirar ese “curioso gravado”.

O noso amigo informador, soubo antes que nós, que os mentados gravados son falsos e recentes, porque llo dixo o propio “artista”.

Descoñecemos onde e como se realizou o encontro clave –aclaratorio- que nos resolveu a nosa dúbida, por falla de evidencia.


Por todo o que antecede, temos agora certeza (sempre que o “dito” sexa veraz):

1º.- Que o repetido gravado en cuestión non é prehistórico.
2º.- Que o autor do gravado é todo un formidable debuxante.
3º.- Que se trata dun “artista” para realizar réplicas ou reproducións, claro está, impresionantes, pero falsas… que poden conducir a erro…
4º.- Que certas réplicas, para evidenciar que son iso, “réplicas”, copias e non orixinais, aínda que se atopen insculturadas nunha laxe, no monte, e ao aire libre, deben acompañarse de algunha data, inicial, marca, etc.
5º.- Non dubidamos que o autor das aludidas insculturas do Folón conta con certos coñecementos da arte rupestre. Coñecemento que por iso non xustifica, senón todo o contrario.
6º E que, certamente, non se trata, por suposto, de ningún arqueólogo. Tal brinquedo, equivale a “xogar coa pólvora”… e iso é perigoso.

Segundo as circunstancias, posiblemente, volvamos a facilitar novas aclaracións.