O ROSAL. FACENDO HISTORIA. O LIBRO MÁIS ANTIGO
08:01
Xoán Martínez Tamuxe
Antes que remate o ano en curso 2014, creamos esta sección para dar a
coñecer datas, acontecementos, persoas, efemérides… a fin de facer historia e
que os rosaleiros conten con máis coñecemento dos valores, xa culturais,
arqueolóxicos, históricos, etnográficos, biográficos, tradicións, etc.
Nesta ocasión lembramos o libro máis antigo escrito e publicado por un
veciño do Rosal, D. Juan Santos Villa Alonso, natural de San Bartolomeu das Eiras. Seu
título: Gramática Latina. (Ano 1854).
Fai 160 anos este 2014.
O LIBRO
Foi a primeira gramática que o Seminario Conciliar de Tui recentemente
creado (1850), tivo como texto desa asignatura. Foi impresa na popular imprenta
da cidade, de D. Manuel Martínez de la Cruz (1ª edición). Áchase dedicada ao
Excmo e Ilmo Sr. D. Fray Francisco Casarrubios y Melgar, bispo de Tui. Consta
de 291 páxinas. Encadernación de pastas duras, tamaño pequeno. Exemplar que
figura na nosa Biblioteca.
O AUTOR DA GRAMÁTICA
D. Juan Santos Villa Alonso. Sacerdote e escritor. Naceu no barrio da
Igrexa (Eiras) en novembro de 1793. Estudou no Seminario Conciliar de Tui.
Ordeouse sacerdote a título de Patrimonio, o 19 de decembro de 1817.
O bispo Fr. D. Francisco Casarrubios y Melgar nomeouno Catedrático de Latín
e Humanidades do Seminario. En 1854, este rosaleiro publica a primeira Gramática Latina, que servirá de texto nese
centro eclesiástico.
Pola súa humildade (segundo nos contou un profesor do Seminario), non quixo
aparecer só como autor, por iso con el asina outro profesor, D. Juan José
Domínguez.
Tamén no “Boletín do Bispado”, números 187 e 188, se recolle o discurso en
latín da apertura do Curso Académico 1866-1867.
D. Juan Santos finou en Eiras o 26 de decembro de 1880. A el se lle
atribuiu igualmente a obra inédita Crónicas
Tudenses (de paradeiro descoñecido). O concello do Rosal, a propósito do I Centenario
da súa morte (1880-1980), en lembranza e homenaxe levantou nas inmediacións do
adro das Eiras un rústico monumento pétreo con lápida epigráfica. (Biografía
completa no BIM, nº 4, outubro-decembro, 1988).
Magosto 2014 no Centro Cultural de Guillade
12:03
Xoán Martínez Tamuxe
O pasado sábado, 22 de novembro, celebrouse no Centro Cultural, ás 18:30 horas do serán, o tradicional Magosto: castañas e chourizos gratuítos. Evento que estivo organizado pola Asociación de Veciños San Gregorio de Guillade (Ponteareas).
Alegraron a xuntanza diversos grupos musicais, que foron presentados polo membro da directiva, Paco Barbosa López:
A Flor do Toxo de Vilacoba.
"Os Cucos" de Celeiros.
Airiños de Guillade.
Pandereteiras "As Fiuncheiras".
Encontro que resultou en ambiente de festa popular, amizoso, familiar, co correspondente sorteo ao final.
¡Noraboa aos seus organizadores!
Entrevista no programa "Polo camiño da fe" (TVG)
07:47
Xoán Martínez Tamuxe
Entrevista no programa "Polo camiño da fe" da Televisión de Galicia (TVG), emitida o domingo 21 de setembro de 2014 con motivo da romaría e festa de Santa Trega en A Guarda (Pontevedra).
Desta vez, fun convidado pola canle autonómica xunto co párroco da vila, D. Jesús García Villadóniga, para falar da historia desta celebración, e en concreto, para facer unha reseña do Voto (antiga promesa que as sete parroquias da Guarda e O Rosal fixeron a Santa Trega).
Entrevista completa.
Entrevista completa.
Reportaxe fotográfica das Festas de Uma 2014
08:08
Xoán Martínez Tamuxe
O domingo 3 de agosto, a freguesía de San Andrés de Huma (Salvaterra) celebrou coa maior solemnidade os cultos litúrxicos e as festas profanas por todo o alto.
A santa misa foi oficiada polo párroco D. José Carlos Pérez Montes, que tamén predicou. Armonizou a celebración da Eucaristía o coro "Sentimento" de Paraños.
A procesión seguiu o itinerario de costume, arredor do artístico cruceiro do antigo torreiro de festas.
Este ano, a devota e artística imaxe do Santo Cristo da Saúde saíu na procesión baixo un fermoso dosel que realzaba, sen dúbida, dita imaxe. Novidade que este ano, en unión dun bonito estandarte do Cristo, se debe ao interés desta Comisión de Festas, máxime do membro da mesma, Jesús Domínguez Espiñeira.
Acompañou este ano á procesión, a Banda da Agrupación Musical do Rosal, que ao final da mesma, ofreceu ao público o concerto de ritual cun selecto repertorio. O público bailou e aplaudiu.
Pola noite, no torreiro de Finzáns, actuación da orquestra Kamelot e do popular dúo humorístico formado por Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro Sánchez, "As Cantareiras de Ardebullo" (Mucha e Nucha).
Seguindo a tradición, o luns se honrou á Nosa Señora do Carme, con misa e procesión. Amenizou o grupo "Airiños do Miño".
ACLARACIÓN SOBRE AS "POSIBLES MURALLAS MEDIEVAIS" DESCUBERTAS NO LUGAR DO CABEZO (O ROSAL)
07:06
Xoán Martínez Tamuxe
1.- Escribo esta entrada no meu blog xa que estou altamente
sorprendido pola noticia en distintos medios informativos dun recente
descubrimento de "posibles restos de murallas medievais" no alto do monte Campo
do Couto, lugar do Cabezo.
2.- Tendo tanta riqueza arqueolóxica e histórica no
Concello do Rosal, estráñame que ata agora ninguén se haxa preocupado nin de
estudar, nin de por en valor certos achádegos.
3.- Dicir que este
descubrimento é un de tantos que hai nos montes do Rosal, habendo quizais outros
moito máis importantes para o seu estudo que este do Cabezo, como por exemplo, o do Castelo, que
se atopa no monte do Torroso.
4.- Neste caso do Cabezo, como en todos, por rigor
histórico así como por ética profesional, non se debe ocultar nin aos autores do
achádego (Cándido Verde e José Álvarez “O Buraco”) nin quen foi o investigador que
identificou eses vestixios históricos (Xoán Martínez Tamuxe).
5.- Por iso, non me parece correcto nesa noticia do Cabezo a
expresión “que tiveron coñecemento”. Isto dá a impresión, por mala fe ou
ignorancia, de que non se quere dar o nome nin recoñecer os méritos de quen
estuda, traballa e investiga en pro da cultura. Outro tanto ocorre con quen,
empregando textos ou fotografías, evita citar o autor das mesmas, plaxiando e
usurpando esa propiedade intelectual.
Antes de entrar en materia e falar dos achádegos arqueolóxicos e históricos medievais no Concello de O Rosal, dicir que –aínda que lle pareza mentira a alguén- levo descuberto más do 90% de tal riqueza prehistórica e histórica.
Quero lembrar, aos de pouca idade, así como aos de flaca memoria, que xa veño dedicando á investigación de campo, non só no Baixo Miño, senón aínda na comarca do Condado (Ponteareas, As Neves, etc) máis de 50 anos.
Esta miña actividade se pode comprobar coas diferentes publicacións na prensa, en folletos, en libros... Así mesmo, son membro do Instituto Padre Sarmiento de Santiago de Compostela, colaborador do Museo de Pontevedra, do Departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago (Sección de Arqueoloxía) e membro doutras entidades arqueolóxicas.
Sobre os descubrimentos arqueolóxicos e históricos pertencentes ao Concello do Rosal, pode consultarse a colección do Boletín Informativo e Cultural do Rosal, na que dende hai varios anos vimos traballando para que o Concello e os seus cidadáns poidan contar coa necesaria "Carta Arqueolóxica". Esta supón un resumo de toda a riqueza patrimonial do Rosal.
Así, pois é no BIM, onde se atopan inventariados os principais xacementos arqueolóxicos localizados. Onde en aras de nobreza e honradez, sempre se menciona quen os descubriu ou quen me facilitou a pista (información de situación), pero non a súa interpretación, significado ou estudo científico, que é cousa persoal miña, por razón dos meus estudos.
E de tales pistas e visitas a varios xacementos, teño que sinalar ao amigo Cándido Verde, singular afeccionado a estas lides culturais, a quen tamén lle ensinei boa parte dos achádegos arqueolóxicos; e con el visitei outros nos propios montes do Rosal, A Guarda, Oia e Tomiño.
Non se teñen publicado no BIM outros xacementos, tal como da época romana en todo o concello (vila romana de Marzán, con achádego da ara romana epigráfica, dedicada á deidade Mercurio, que descubrimos en 1971; a vila romana do Pombal en Tabagón, etc).
Tampouco teño escrito sobre a época medieval (Alta e Baixa
Idade, por exemplo: os gravados cruciformes ou mesmo os sepulcros visigóticos
de San Vicente) xa que na confección da Carta Arqueolóxica sigo a orde
cronolóxica das épocas e culturas.
En canto ao novo descubrimento a que me refiro ao inicio deste circunstancial comentario, a fin de aclarar posibles malentendidos e falta de honradez, plaxios, etc, quero, neste caso concreto, facer algunhas puntualizacións en pro da necesaria e xusta verdade.
Nese lugar do Cabezo, punto estratéxico, dos moitos que se atopan no Concello, xa estivemos Cándido Verde e máis eu, visitando uns pequenos gravados alá polo ano 1990. Como todo se atopaba emboscado, nada especial se observou.
Voltamos outra vez, despois dos últimos incendios, ao lugar do citado e expresivo topónimo (Cabezo, que trae a súa orixe do latín Capitia, derivado de "caput": cabeza, punta, cume, o que está máis alto). Nesta ocasión, o pasado 8 de xullo, estiven convidado xunto co meu fillo Juan Ramón Martínez Barbosa polo amigo José Álvarez "O Buraco", para mostrarnos pequenos gravados (que xa coñecíamos).
Así mesmo, unha cantidade de fileiras de pedras caídas... que el se interesou en saber que podían ser, en que consistían eses cúmulos de pedras e outras por alí ciscadas. Fun comentándolle a "O Buraco" que se trataba de certos derrumbes, circunstanciais, polo paso do tempo, de antigas e rudimentarias murallas. En boa parte, terreñas dun posible recinto, así fortificado, moi típico na Idade Media, cando foron frecuentes algunhas invasións, provenientes da Costa Atlántica ou por terra (xa quizais dende a invasión dos sarracenos ao mando do caudillo Almanzor no 947).
Igualmente, comenteille as diferentes incursións de piratas, e aínda temos constancia que cando os portugueses nas Guerras con España no
século XVIII ou na invasión francesa no século XIX, os veciños nenos
e anciáns, se refuxiaban no alto dos montes, en puntos estratéxicos
(descoñecidos para o invasor) de control visual.
Como xa dixen, ese punto do Cabezo é un de tantos, que ten
O Rosal ao igual que no Monte Lousado (zona da Ribeira) ou Monte do Torroso, o
que nos lembra os topónimos Facho, Castelo, Cresto, etc.
Comentar, que tamén o pasada semana, visitaron ese posible
refuxio (en tempos e momento de perigo e de emerxencia para o pobo, dos
barrios) a concelleira de Cultura, Charo Tabales, que tomaría boa nota, así
como o crego Julio Ramos, abade párroco da vila, convidados tamén polo amigo “Buraco”.
Paréceme loable todo o que signifique defensa e difusión da
nosa cultura histórica, arqueolóxica, etnográfica, etc, pero indicando toda a
verdade. Debe citarse na investigación quen descubriu os vestixios, quen deu a
interpretación de tales restos, que son, que significa, etc, etc. E todo,
reitérome, sen ocultar, maliciosamente, “a verdade de cada caso”.
Coido que calquera posible dúbida, fica agora, aclarada.
XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE
ESPECIAL FESTIVIDADE DO SANTO CRISTO DE UMA, 2014
14:10
Xoán Martínez Tamuxe
Esta nova entrada no meu blog vai dedicada, como recordo, para os finados colaboradores Manuel González "O Brasileiro" e a súa dona, Esther.
O vindeiro domingo 3 de agosto, celebrarase a festividade do Santo Cristo de Uma (Salvaterra de Miño), con programación especial.
Tal e como xa temos referido noutras ocasións, tamén a propósito das festas e antigas e piadosas romarías da querida parroquia de San Andrés de Uma (Huma), esta freguesía historicamente remóntase ao século XIII.
Esta vez, ao contemplar o programa festeiro-cívico-relixioso na honra do Cristo da Saúde que damos a coñecer, atopámolo cheo de novidades. E isto proba o bo facer da Comisión organizadora, que nos moveu a ofrecer unha pequena colaboración histórica.
Sobre a primeira referencia á devoción e festividade do Santo Cristo da Saúde, xa temos indicado se menciona no século XVIII. Concretamente esta cita se atopa no ano 1756, no "Libro da Cofradía de Ánimas". Faise a propósito dunhas reformas e melloras levadas a cabo tanto no altar, como na artística e piadosa imaxe do Santo Cristo.
Pero nesta ocasión de grande solemnidade, queremos ademais de que o pobo exprese a súa fonda devoción ao Santo Cristo, a fin de merecer o precioso don da "saúde", que descanse e se divirta con sana alegría e tamén aproveite esta anual celebración, para ilustrarse.
A parroquia, os fieis, os fregueses, teñen dereito a coñecer a Historia do seu pobo: os seus monumentos, os persoeiros máis distinguidos da parroquia (mestres, cregos, benefactores, profesionais, emigrantes, etc).
Así mesmo, como parte da propia Historia, está o coñecer os feitos e aconteceres históricos fundamentais. E cun destes acontecementos, queremos hoxe lembrar aos "umeños". Garda relación e filial dependencia de Huma co Mosteiro cisterciense de Nosa Señora da Franqueira.
Así, o 26 de maio de 1407, os irmáns D. Juan e D. Esteban da Lama, piadosos cristiáns, persoas de grande influencia, entre os privilexios e propiedades con que se contaba, era o ser padroeiros (protectores, donos) da igrexa de San Andrés de Huma (quizais por habela fundado eles). Ambos irmáns, pois, ceden ao abade e convento de Santa María da Franqueira o seu dereito de padroado que tiñan sobre a igrexa de Huma. Proba desta dependencia filial é o escudo de armas, idéntico ao do mosteiro.
A piadosa finalidade era para que os monxes, máis cumpridamente, puidesen atender ás reparacións do mosteiro e ao seu propio sustento (dos frades da comunidade).
Isto supuña que os monxes da Franqueira se farían cargo das propiedades e rendas que lle correspondían á igrexa de Huma, así como tamén se encargarían de atender das tarefas pastorais da freguesía, dispondo dun frade do propio mosteiro.
(Documentación do traballo inédito Parroquia de San Andrés de Huma e a súa Historia. X.M.T.)
Isto supuña que os monxes da Franqueira se farían cargo das propiedades e rendas que lle correspondían á igrexa de Huma, así como tamén se encargarían de atender das tarefas pastorais da freguesía, dispondo dun frade do propio mosteiro.
(Documentación do traballo inédito Parroquia de San Andrés de Huma e a súa Historia. X.M.T.)
EXPOSICIÓN O PRESEPIO NO NADAL CERVEIRENSE
14:36
Xoán Martínez Tamuxe
Na compaña de Castro Guerreiro en Vila Nova de Cerveira
A esta exposición en Portugal fomos convidados para a súa
inauguración o 7 de Nadal, aberta ata o 5 de xaneiro.
Convite que nos foi ofrecido pola Agrupación UNISÉNIOR
(Universidade S. de Cerveira), Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira e o
autor, o amigo Castro Guerreiro.
Mostra de presebes de certa categoría en canto a súa
calidade histórica, artística, de creatividade, simbolismo e aínda
universalidade.
Evento organizado pola “UNISÉNIOR” coa colaboración da
Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira.
Esta mostra realizouse en dous centros locais apropiados,
para poder contemplar tal riqueza histórico-etnográfica e relixiosa de fonda
tradición en Vila Nova de Cerveira.
Sen dúbida o mellor grupo de beléns para nós, o que se
exhibiu na Galería D. Dinís. Aquí, fixo un meritorio resumo do valor
patrimonial e de tradición en Vilanova, D. Manuel Estévez Márquez, presidente
de UNISÉNIOR.
De seguido pasamos ao Auditorio da Biblioteca Municipal. Asistimos
aquí a unha finísima actuación da “Tuna da Unisénior”, que interpretou fermosas
e tradicionais composicións, que foron moi aplaudidas.
A continuación fixo uso da palabra o presidente da Cámara
Municipal, D. Joâo Fernando Nogueira, loando o traballo do escritor Castro
Guerreiro, así como da exemplar cooperación, que sempre a Cámara prestará para
canto sexa defensa do patrimonio cultural da localidade.
E, por último, asistimos á interesante conferencia,
maxistralmente documentada e exposta por Castro Guerreiro ao selecto público
alí reunido. Conferencia que acertadamente publicou seu autor, Sr. Castro
Guerreiro; xa coñecido investigador da historia desta zona miñota e distinguido
escritor, que conta cunha ducia de libros da súa autoría.
Rematada a conferencia se puido degustar un sinxelo
aperitivo onde non faltou un “copo de vinho do Porto”.
Para maior ilustración ofrecemos a seguinte reportaxe fotográfica.