Visitando o monumental "Hórreo de Carnota"



De Baroña seguimos camiñando en familia, sen deixar de contemplar rías, praias, dunas e mar. Logo tamén, Noia, Muros, Lariño, Lira… 

Xa chegamos ao concello de Carnota (de impresionante praia, máis de 5 km) e concretamente á parroquia de San Mamede. 

Aquí visitamos o templo parroquial de alta torre, rematada en 1755. Seu altar, isto é, o retablo, de estilo neoclásico, é obra do escultor Ferreiro.


A imaxe, que se mostra na ornacina da entrada principal, por suposto, é a do seu patrono, San Mamede. 

Pero a razón desta intencionada e terceira parada é visitar e coñecer de preto o celebrado “Hórreo de Carnota”. Desta monumental construción, só lembraremos que se trata como de algo necesario e complementario, máxime noutros tempos, da casa labrega, tanto de pobres como de ricos (grandes ou pequenos).


Segundo a comarca, así se denominaba no Dicionario Xerais da Lingua 2006: “Celeiro, cabazo, cabaceiro, canastro, espigueiro, jalleira e piorno”. E a estes nomes, temos que engadir o que empregamos, cando menos na nosa bisbarra do Baixo Miño: o “canizo”. Nome, sen dúbida, sinónimo real, xa que lembran idéntica composición, o texido de canas (tiras de madeira, en forma de láminas…) que pechan o canizo, deixando rendixas para entrar o aire e sequen as espigas.

Concretamente do excepcional “canizo de Carnota” anotamos o que se recolle sobre el na Gran Enciclopedia Gallega e nesa entrada: “El hórreo de Carnota construido en dos etapas (1768 y 1783) tiene una longitud de 34’76 metros y está sostenido por 22 pares de columnas. Perfectamente labrado en buena cantería, su autoría corresponde a Gregorio Quintela. Está declarado actualmente como Monumento Nacional”.



Hórreo semellante, aínda que menos popular, se atopa aquí en Lira. O hórreo sitúase próximo á igrexa parroquial e tamén moi preto da reitoral, con pombal (tipo pazo) a quen pertencía dito canizo.

Aproveitamos esta singular ocasión para posar diante desta, tamén singular xoia arquitectónica, das máis monumentais de Galicia.