As Festas do Cristo de Uma dende o século XVIII


Outro ano máis, San Andrés de Uma celebra o vindeiro domingo día 6 de agosto e con toda solemnidade, a súa “festa maior”: O Cristo da Saúde.

Pero antes de abordar o programa da festa, faremos unha breve sembranza da parroquia a fin de enriquecer o coñecemento histórico sobre o noso pobo.


A primeira mención escrita, histórica, da que temos constancia da nosa freguesía do apóstolo San Andrés, remóntase ao século XIII, concretamente ao ano 1289. Alusión que se fai á parroquia de “Huma”, a propósito da relación dos milagres de San Pedro G. Telmo, patrono da diócese de Tui.

Anos despois, pero tamén en pleno século XIII, cando a fundación do Mosteiro da Nosa Señora da Fonte ou da Franqueira, Payo Sorrodea i Sotomaior, Señor de Salvaterra, donou aos monxes cistercienses, entre outros lugares, Uma con toda a súa xurisdición civil e criminal. Doazón que foi confirmada por Juan I, rei de Aragón i Enrique III, rei de Castela.



E porque o Mosteiro da Franqueira estivo durante algún tempo vinculado ao de Melón, a nosa parroquia de Uma, tamén o estivo. Pero desta circunstancia histórica xa falaremos en mellor ocasión.

San Andrés foi sempre rexentada na orde pastoral, polos monxes da Franqueira; e máis tarde por cregos seculares, delegados por aquel mosteiro. 

E por último, máxime, despois da nefasta Desamortización de 1835, por cregos designados polo bispo da Diócese.

A nosa parroquia, como filial da de Santa María da Franqueira, e cando menos dende o século XVIII, vén peregrinando á Franqueira nas dúas grandes romarías.


Queremos agora lembrar que Uma celebra o vindeiro domingo 6 de agosto as súas “festas maiores” na honra do Santo Cristo da Saúde, avogado, en especial das doenzas da cabeza. Festa que xa se vén conmemorando anualmente dende o século XVIII, concretamente, segundo documentación histórica, ano 1756. 

Nesta data fálase da composición do altar-retablo, de pintar-policromar a imaxe do Santo Cristo, etc. D. Caietano Fernández Barreiro, nomeado polo abade da Franqueira.

Así, pois, como cada ano, ás 12 horas, o párroco Rvdo. D. José Carlos Pérez Montes, oficiará a Santa Misa solemne-cantada ao Santo Cristo polo “Grupo Insieme”.

Rematada a Eucaristía, o Santo Cristo sairá en solemne e devota procesión, facendo o itinerario de costume dando a volta ao artístico cruceiro do torreiro, obra costeada polo párroco naquel entón, 1877, o Rvdo. D. Rafael Durán i Mera.

Rematada a procesión, toda ela con repique de campá, no “Torreiro” Banda de Música Xuvenil de Xinzo, interpretará algunha composición a fin de que o público escoite, baile e aplauda.


O luns, é de ritual a misa solemne, que está dedicada á Nosa Señora. A imaxe que sae na procesión é a talla da Nosa Señora do Carme, de singular devoción na parroquia.