Último achádego de cruciformes en Loureza (Oia)


Sen lugar a dúbidas que estes cruciformes que se atopan no lugar de Barrio Novo, son testemuño da Evanxelización da parroquia de Loureza, en Oia (Pontevedra).

Tivemos noticia deste petróglifo histórico en 2013 mediante información e pista ofrecida polo amigo Rogelio, daquel lugar. El mesmo nos acompañou ao Barrio Novo, onde vive. Só agora determinamos dalo a coñecer na nosa páxina de internet. Coido que sexa achádego inédito e que sae á luz por vez primeira. 



Localízase na parte alta daquel lugar, á beira do camiño vello (hoxe, pista) e preto das poucas casas vellas do barrio. Un enxebre recuncho galego de típico sabor rural. Nesta segunda visita, a fin de sacar novas fotografías, acompañounos o amigo e vello colaborador, Suso Diego.



Móstrase nas inmediacións unha preciosa latada sostida por rústicas columnas cilíndricas composta por cachotes e sobre o antigo camiño. Sitúanse, pois, estes gravados na ladeira do monte e á esquerda do camiño (pista) que, de Acevedo leva a Loureza.

Dito conxunto de gravados cruciformes, un máis dos que se achan na parroquia, atópase insculturado en soporte granítico, moi abundante en mica, polo que en zonas presenta erosión.



A pedra soporte, un tanto triangulada con certa inclinación ao Leste, mide -aproximadamente- 4 metros de longo; o campo de gravación alcanza os 2 metros; e na zona máis ancha (con gravados), 1'50 metros.

Dito penedo metido no borde do propio monte, áchase a uns 2 metros de alto da actual pista forestal.



A gravación dos signos foi realizada na cara máis plana e con orientación, como é de ritual, na maioría dos casos, mirando ao Nacente. Conxunto de gravados, que foron realizados coa máxima delicadeza, técnica e simetría. 

Os motivos son cruces, pero de tipoloxía diferente e singular. Polo tanto, consideradas símbolos cristolóxicos, que aluden á tarefa de Evanxelización dos primeiros cristiáns na freguesía de Loureza



Podemos datar estes signos, testemuño documental alá polos séculos IV-V da nosa Era Cristiana. Non esquezamos que Loureza, xa a principios do século XII (ou antes) contou con Mosteiro, segundo autores, co titular de San Cosme e San Damián.

Tampouco ignoremos que moitos mosteiros foron antes ermitorios onde viviron eremitas, anacoretas en pleno monte, quenes gravaron tales cruciformes, como altares, lugares de culto, de oración



Máis tarde, como parroquia, tomarían por patrono a San Mamede, santo dos primeiros séculos do Cristianismo.