Un petróglifo do Rosal de máis de 4000 anos


Espiral de Chan do Picouto. Foto realizada en 1999

Esta é a segunda parte do noso artigo sobre a espiral de "Chan do Picouto" nos Montes do Campo do Couto. (Podes ler a primeira parte aquí).

Dito petróglifo rosaleiro pertence á coñecida Arte Rupestre. A súa datación, atópase entre as Épocas do Cobre e do Bronce. Isto quere dicir que se trata dun documento, un testemuño prehistórico, contando na actualidade con máis de 4000 anos.

Trátase, pois, reiterámolo, dun prezado documento arqueolóxico, remoto testemuño histórico, que acredita que, xa naquel entón, a presenza de primitivos poboadores (moito antes que os celtas), aqueles nosos antepasados, ocupaban o noso territorio de O Rosal. Territorio é certo que, ademais de contar con puntos estratéxicos como hábitat (lugar onde se vive) para a súa protección e defensa, tamén privilexiado polo seu tan fértil val, como fermoso na súa paisaxe, limitado pola Costa Atlántica (Sanxián e Portecelo) e polo río Miño, parroquias da ribeira rosaleira (Eiras, Tabagón e San Miguel).

Aqueles primitivos rosaleiros foron quenes gravaron naquela rocha o espiral do Picouto e non por casualidade (por pasar por alí... pois eran nómadas) senón que esa zona do Picouto, nos Montes do Campo do Couto, era onde vivían. Aquela xente, agora sedentaria, xa coñecía o lume (a metalurxia, a cerámica); xa cultivan a terra, xa domestican animais... e contan con grandes rebaños.


Eses nosos antepasados, de certa cultura, gravaron (e non pintaron, que o podían facer), en duro soporte como é o granito. Esta determinación daquela xente, a súa intención, supoñen os arqueólogos, nesta ocasión no citado estudo de Costas Goberna e Peña Santos, que "implica unha certa vontade de perdurabilidade".

A confección desta gravación, reflicte sorprendente simetría, técnica, arte e precisión no manexo do "pico de cuarzo" (seu cincel) que non de bronce*. Parece executada para as xeracións vindeiras, pero a súa interpretación, a súa mensaxe, é unha incógnita, un misterio, hoxe por hoxe.

Os arqueólogos en xeral limítanse a dicir que se trata "dunha linguaxe mística moi complicada producida por unha sociedade complexa e certamente evolucionada".

Tamén e verdade que non faltan hipóteses deste místico símbolo, de temática xeométrica, que van dende o sol á natureza, ao firmamento, a luz, o infinito, a eternidade, a divinidade: deuses... Significados, din os expertos, que "dependendo en cada caso do contexto cultural no que se integra".

En definitiva, nos comentan Costas Goberna e De la Peña Santos, un tanto ironicamente, que se trata "dun universo simbólico que hoxe se nos antolla inabarcable ó faltarnos o imprescindible libro de claves".

*O bronce naquel entón descuberto, era como o ouro para nós; só o empregaban para facer xoias ou como moedad de intercambio por especies: animais, alimentos, etc.