PREGOEIRO DAS INTERNACIONAIS FESTAS DO CORPUS CHRISTI DE PONTEAREAS 2017

Tamuxe deu lectura ao pregón do Corpus, tomando o relevo do xornalista da Televisión Española, Roi Groba, pregoeiro en 2016

TAMUXE FOI HOMENAXEADO POLO CONCELLO DO ROSAL NA XXVIII FESTA DO CABAQUEIRO

Condecorado publicamente coa insignia do Concello e cun "Castelao" en recoñecemento "pola súa labor história e de investigación da cultura rosaleira"

EXPOSICIÓN DO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DOS MEDOS (CURRÁS, CONCELLO DE TOMIÑO)

Na imaxe, Tamuxe e Juan Ramón M. Barbosa diante do panel que informa do descubrimento de 1972 realizado polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño

PRESENTACIÓN DO TERCEIRO NÚMERO DE CASTELLUM TYDE NA ÁREA PANORÁMICA DE TUI

Na imaxe, Xoán M. Tamuxe na compaña do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e os historiadores, membros do Instituto, Xavier Añoveros e Marta Cendón

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE FOI O PREGOEIRO DA VI FESTA DO PERCEBE DE VILADESUSO (OIA)

O alcalde de Oia, Alejandro Rodríguez, -ex alumno de Tamuxe- foi o encargado de dar a benvida ao acto e presentar ao pregoeiro

PRESENTACIÓN DO PRIMEIRO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, Xosé Carlos Valle Pérez, Xoán Martínez Tamuxe e Rafael Sánchez Bargiela

PRESENTACIÓN DO SEGUNDO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, algúns dos membros do Instituto de Estudios Tudenses, asistentes ao acto que se celebrou na Área Panorámica de Tui

TAMUXE, NA REUNIÓN PREVIA DA XXIV FESTA DO CABAQUEIRO 2011

Na imaxe, con membros da Directiva da Asociación Os Cabaqueiros, a concelleira de Cutura e os mestres telleiros

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE, PREGOEIRO DA XVI FESTA LUSO-GALAICA DEDICADA A O ROSAL

Na imaxe, Tamuxe coa súa dona, nos exteriores da Casa da Anta (Lanhelas-Portugal)

Panorámicas e restos arqueolóxicos no Picón


Coñecemos as fermosas panorámicas e paisaxes da nosa Moi Leal Vila do Rosal, dende os puntos estratéxicos dos montes da xeografía, que conforman o Val do Rosal, que non ten igual.



Pero, o que aínda non coñecíamos era, precisamente, as vistas dende o pequeno miradoiro do "pico", alto do Picón de Arriba, na xuradía de Fornelos.


Alá fomos, pois, a miña dona e máis eu. Só sabíamos del a distancia, por exemplo, dende as Mondañedas ou dende a Pedra Furada. Monte alto, que non hai moito foi pasto do lume, que se atopa ao sur do "Castro do Picón", distante uns 300 metros.



Pasada a "Fonte de San Martiño", collemos o primeiro camiño á dereita e monte arriba, ata chegar ao lugar da "Chan", interesante esplanada.



Subimos aos puntos máis elevados para contemplar aquela paisaxe especial: As Cruces, Fornelos, Caselas, Martín, a vila, o val do Rosal, o Miño, Portugal, o Trega, o Torroso...



Rematamos a nosa visita, aquí nos montes do Picón, non sen antes facer unha breve e obrigada prospección arqueolóxica, aproveitando a circunstancial visita.



Atopamos naquelas afloracións graníticas pequenos grupos de coviñas, case todos froito da erosión, debido en parte ao tipo de granito de grao groso. Pero, o máis especial foi a localización fóra da "Bouza da Chan", enriba dun coto, dun grupo de laxes. 



Estas formaban certo abrigo e nunha desas rochas sobresaían varias coviñas, concretamente tres. Delas non ofrecían dúbida, tanto a máis pequena, seu diámetro medía 7 cm; e a maior e máis interesante, seu diámetro é de 16 cm e outro tanto mide o suco que sae desta coviña.



Pola súa elevación, forma e orientación do conxunto podería tratarse dun lugar adicado á realización de ritos pagáns.




Supomos isto pola analoxía con outros casos, gravados similares, máxime, pola típica orientación ao levante por onde nace o Sol, a Luz, a Vida. Outro tanto fixeron os primeiros cristiáns, por exemplo, tomándoos como símbolos de Cristo, Salvación. 



Non esquezamos, que, por idéntica razón, a Igrexa, dende antigo, orienta os seus santuarios (seu altar maior) cara ao nacente.



A este outeiro do Picón voltaremos a referirnos en breve.

Reiterando a miña gratitude á nosa vila, O Rosal


A pesares de que xa din o meu agradecemento in situ, e o propio día en que se tributou a homenaxe, quero tamén deixar aquí na miña páxina, as verbas que pronunciei publicamente naquel sinxelo pero cordial acto do 12 de outubro na XXVIII Festa do Cabaqueiro.



Foime imposta polo alcalde, a insignia do Concello do Rosal e, entregada pola edil de Cultura, unha figura de Castelao, cuxa praca rezaba: CONCELLO DO ROSAL. A D. XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE EN RECOÑECEMENTO POLA SÚA LABOR HISTÓRICA E DE INVESTIGACIÓN DA CULTURA ROSALEIRA. 12 DE OUTUBRO DE 2015.



"A todos, moi boas tardes.

Sen lugar a dúbidas que teño e quero dar as miñas máis expresivas grazas, tanto á Corporación Municipal, que como alcalde preside Jesús María Fernández Portela, como á concelleira de Cultura, Charo Tabales, por este recoñecemento e homenaxe, que hoxe se me ofrece.

Só quero lembrar que os maiores logros destas 28 celebracións na memoria dos nosos cabaqueiros de todos os tempos, son todo un honra para os rosaleiros así como para os de Salcidos (A Guarda). Son, pois, logros histórico-culturais:

-O levantar na praza maior do noso concello, en xusta homenaxe, o Monumento ao "Daorde de Lurio", isto é, o "Cabaqueiro de Pedra" que nos lembra aquel seu vello oficio: A Telleira.

-A celebración anual da festa dos cabaqueiros na Pilarica, ocasión para velos lasquear en directo, facendo a tradicional demostración cabaqueira, compartir recordos e vivencias en amizade. 



-A memoria ou publicación monográfica de cada ano cos pregóns, biografías dos cabaqueiros, traballos de investigación, etc. Xa colección de 28 revistas.

-E, por último, o Museo, Centro Etnográfico, coa rica "sección da Cabaqueira" é a testemuña viva da súa vida, da súa obra e da súa cultura.

Tales logros se deben á exemplar colaboración entre o Concello, os cabaqueiros, así como a de todos os rosaleiros amantes da súa cultura, a cultura do noso pobo, O Rosal.

Unha vez máis amigos todos, moitísimas grazas".

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE