O bispo de Tui, Rosendo Salvado, oriundo do Rosal


O pasado 1 de marzo do ano que vén de rematar, Tui celebrou solemnemente o bicentenario do nacemento (1814-2014) de Frei Rosendo Salvado*, bispo de Nova Nursia (Australia).

O bispo Lucas José Rosendo Salvado Rotea, naceu en Tui na rúa Riomolinos no 1814. Certamente natural da cidade tudense, pero tamén, queremos lembrar, oriundo do concello do Rosal, por seu pai, Pedro Bernardo Salvado, ser natural de San Bartolomeu das Eiras.

Polo tanto, Frei Rosendo, era fillo do referido Pedro Bernardo, que sendo salmista na catedral de Tui (cantor en cultos relixiosos) e aínda sochantre provisional (director do coro nos oficios divinos), casouse en Tui con María Francisca Rotea Núñez.

Frei Rosendo, o penúltimo de sete irmáns, estudou tanto no Seminario de Tui, como no mosteiro de San Martín Pinario de Santiago.

Debido á Desamortización, tivo que marchar a Nápoles, onde foi ordenado sacerdote en 1839. No 1846 atópase xa de misioneiro en Australia. Aquí fundou a coñecida abadía de Nova Nursia. Foi bispo de Vitoria e grande defensor dos aborixes australianos. Rexeitou os bispados de Porto Rico e de Lugo.

Tamén trouxo sementes de eucalipto e de acacia (1860) a Galicia, cuestión que tivo moitos detractores.

Monumento obra de Alfonso Quinteiro, en Tui

*Frei Rosendo finou santamente en Roma (Italia) o 29 de decembro de 1900. Foi un home polifacético, como alguén lembrou: “Misioneiro, bispo, músico, aventureiro, escritor, indixenista, abade, fundador…”

O día 7 de abril de 2002 a vila tudense descubriu unha praca de mármore colocada na fachada da casa onde nacera o bispo de Puerto Victoria, de Aduani e e abade de Nova Nursia.

¡Sirva esta pequena lembranza como humilde homenaxe do pobo do Rosal!