Antes de entrar en materia e falar dos achádegos arqueolóxicos e históricos medievais no Concello de O Rosal, dicir que –aínda que lle pareza mentira a alguén- levo descuberto más do 90% de tal riqueza prehistórica e histórica.
Quero lembrar, aos de pouca idade, así como aos de flaca memoria, que xa veño dedicando á investigación de campo, non só no Baixo Miño, senón aínda na comarca do Condado (Ponteareas, As Neves, etc) máis de 50 anos.
Esta miña actividade se pode comprobar coas diferentes publicacións na prensa, en folletos, en libros... Así mesmo, son membro do Instituto Padre Sarmiento de Santiago de Compostela, colaborador do Museo de Pontevedra, do Departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago (Sección de Arqueoloxía) e membro doutras entidades arqueolóxicas.
Sobre os descubrimentos arqueolóxicos e históricos pertencentes ao Concello do Rosal, pode consultarse a colección do Boletín Informativo e Cultural do Rosal, na que dende hai varios anos vimos traballando para que o Concello e os seus cidadáns poidan contar coa necesaria "Carta Arqueolóxica". Esta supón un resumo de toda a riqueza patrimonial do Rosal.
Así, pois é no BIM, onde se atopan inventariados os principais xacementos arqueolóxicos localizados. Onde en aras de nobreza e honradez, sempre se menciona quen os descubriu ou quen me facilitou a pista (información de situación), pero non a súa interpretación, significado ou estudo científico, que é cousa persoal miña, por razón dos meus estudos.
E de tales pistas e visitas a varios xacementos, teño que sinalar ao amigo Cándido Verde, singular afeccionado a estas lides culturais, a quen tamén lle ensinei boa parte dos achádegos arqueolóxicos; e con el visitei outros nos propios montes do Rosal, A Guarda, Oia e Tomiño.
Non se teñen publicado no BIM outros xacementos, tal como da época romana en todo o concello (vila romana de Marzán, con achádego da ara romana epigráfica, dedicada á deidade Mercurio, que descubrimos en 1971; a vila romana do Pombal en Tabagón, etc).
En canto ao novo descubrimento a que me refiro ao inicio deste circunstancial comentario, a fin de aclarar posibles malentendidos e falta de honradez, plaxios, etc, quero, neste caso concreto, facer algunhas puntualizacións en pro da necesaria e xusta verdade.
Nese lugar do Cabezo, punto estratéxico, dos moitos que se atopan no Concello, xa estivemos Cándido Verde e máis eu, visitando uns pequenos gravados alá polo ano 1990. Como todo se atopaba emboscado, nada especial se observou.
Voltamos outra vez, despois dos últimos incendios, ao lugar do citado e expresivo topónimo (Cabezo, que trae a súa orixe do latín Capitia, derivado de "caput": cabeza, punta, cume, o que está máis alto). Nesta ocasión, o pasado 8 de xullo, estiven convidado xunto co meu fillo Juan Ramón Martínez Barbosa polo amigo José Álvarez "O Buraco", para mostrarnos pequenos gravados (que xa coñecíamos).
Así mesmo, unha cantidade de fileiras de pedras caídas... que el se interesou en saber que podían ser, en que consistían eses cúmulos de pedras e outras por alí ciscadas. Fun comentándolle a "O Buraco" que se trataba de certos derrumbes, circunstanciais, polo paso do tempo, de antigas e rudimentarias murallas. En boa parte, terreñas dun posible recinto, así fortificado, moi típico na Idade Media, cando foron frecuentes algunhas invasións, provenientes da Costa Atlántica ou por terra (xa quizais dende a invasión dos sarracenos ao mando do caudillo Almanzor no 947).