EXPOSICIÓN O PRESEPIO NO NADAL CERVEIRENSE

Na compaña de Castro Guerreiro en Vila Nova de Cerveira 

A esta exposición en Portugal fomos convidados para a súa inauguración o 7 de Nadal, aberta ata o 5 de xaneiro.
Convite que nos foi ofrecido pola Agrupación UNISÉNIOR (Universidade S. de Cerveira), Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira e o autor, o amigo Castro Guerreiro.


Mostra de presebes de certa categoría en canto a súa calidade histórica, artística, de creatividade, simbolismo e aínda universalidade.
Evento organizado pola “UNISÉNIOR” coa colaboración da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira.
Esta mostra realizouse en dous centros locais apropiados, para poder contemplar tal riqueza histórico-etnográfica e relixiosa de fonda tradición en Vila Nova de Cerveira.


Sen dúbida o mellor grupo de beléns para nós, o que se exhibiu na Galería D. Dinís. Aquí, fixo un meritorio resumo do valor patrimonial e de tradición en Vilanova, D. Manuel Estévez Márquez, presidente de UNISÉNIOR.


De seguido pasamos ao Auditorio da Biblioteca Municipal. Asistimos aquí a unha finísima actuación da “Tuna da Unisénior”, que interpretou fermosas e tradicionais composicións, que foron moi aplaudidas.
A continuación fixo uso da palabra o presidente da Cámara Municipal, D. Joâo Fernando Nogueira, loando o traballo do escritor Castro Guerreiro, así como da exemplar cooperación, que sempre a Cámara prestará para canto sexa defensa do patrimonio cultural da localidade.


E, por último, asistimos á interesante conferencia, maxistralmente documentada e exposta por Castro Guerreiro ao selecto público alí reunido. Conferencia que acertadamente publicou seu autor, Sr. Castro Guerreiro; xa coñecido investigador da historia desta zona miñota e distinguido escritor, que conta cunha ducia de libros da súa autoría.
Rematada a conferencia se puido degustar un sinxelo aperitivo onde non faltou un “copo de vinho do Porto”.

Para maior ilustración ofrecemos a seguinte reportaxe fotográfica.