VISITA Á HISTÓRICA PONTE DE CERNADELA (MONDARIZ)



De volta da Xestosa, camiño da casa, quixemos contemplar novamente ese monumento do concello de Mondariz, pobo.

A estrutura actual, reforma do século XV, tanto pola súa situación clave na zona, como polos vestixios que se atoparon nas proximidades, cabe pensar ocupa o lugar doutra ponte máis antiga, sen dúbida, romana.


Cren varios historiadores, pola propia ponte e achádego de estelas anepígrafes e distinta cerámica romana, que pode tratarse de restos histórico-arqueolóxicos da posible vía romana, que cruzaba este concello, quizais fora a XVIII do itinerario de Antonio Pío, de Brácara a Astúrica.


Como patrimonio que é, atópase nunha fermosa paraxe fluvial, adecuada e perfectamente coidada. Ponte que une Mondariz e a parroquia de Riofrío.


A nosa sincera noraboa aos responsables do patrimonio histórico-monumental do concello de Mondariz.