TAMUXE FOI HOMENAXEADO POLO CONCELLO DO ROSAL NA XXVIII FESTA DO CABAQUEIRO

Condecorado publicamente coa insignia do Concello e cun "Castelao" en recoñecemento "pola súa labor história e de investigación da cultura rosaleira"

EXPOSICIÓN DO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DOS MEDOS (CURRÁS, CONCELLO DE TOMIÑO)

Na imaxe, Tamuxe e Juan Ramón M. Barbosa diante do panel que informa do descubrimento de 1972 realizado polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño

PRESENTACIÓN DO TERCEIRO NÚMERO DE CASTELLUM TYDE NA ÁREA PANORÁMICA DE TUI

Na imaxe, Xoán M. Tamuxe na compaña do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e os historiadores, membros do Instituto, Xavier Añoveros e Marta Cendón

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE FOI O PREGOEIRO DA VI FESTA DO PERCEBE DE VILADESUSO (OIA)

O alcalde de Oia, Alejandro Rodríguez, -ex alumno de Tamuxe- foi o encargado de dar a benvida ao acto e presentar ao pregoeiro

PRESENTACIÓN DO PRIMEIRO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, Xosé Carlos Valle Pérez, Xoán Martínez Tamuxe e Rafael Sánchez Bargiela

PRESENTACIÓN DO SEGUNDO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE

Na imaxe, algúns dos membros do Instituto de Estudios Tudenses, asistentes ao acto que se celebrou na Área Panorámica de Tui

TAMUXE, NA REUNIÓN PREVIA DA XXIV FESTA DO CABAQUEIRO 2011

Na imaxe, con membros da Directiva da Asociación Os Cabaqueiros, a concelleira de Cutura e os mestres telleiros

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE, PREGOEIRO DA XVI FESTA LUSO-GALAICA DEDICADA A O ROSAL

Na imaxe, Tamuxe coa súa dona, nos exteriores da Casa da Anta (Lanhelas-Portugal)

FESTAS NA HONRA DO SANTO CRISTO DA SAÚDE DE UMA



O pasado domingo 5 de agosto, a parroquia de San Andrés de Uma (Huma) celebrou solemnes festas relixiosas en loubanza do Santo Cristo da Saúde. Así mesmo, festas profanas por todo o alto.


Esta parroquia, a máis pequena e alonxada da súa capitalidade, Salvaterra de Miño, aparece xa citada na Historia no século XIII.


Huma foi filial da monacal parroquia de Nosa Señora da Fonte (ou da Franqueira). E aínda, no século XVIII, atende dos cultos Fr. Xerome do Castillo, pai provisor e predicador do Mosteiro do Císter, da Franqueira.


Tivo tamén especial relación tanto co Mosteiro de Melón, como cos Condes de Salvaterra.


En canto á devoción ao Santo Cristo da Saúde, que é avogado de doenzas de cabeza, atopamos xa referencias a esta artística imaxe en 1756 no libro da Confraría de Ánimas. De entre outras cousas fálase do carpinteiro que compuxo o altar e retablo, así como de pintar este (o altar) e máis “pintar (policromar) el Santo Cristo” que custou, naquel entón, 395 reais de vellón.


Os actos litúrxicos desta celebración, seguindo a tradición, son-foron- dobres. O domingo, na honra do Santo Cristo, e no luns, na da Virxe Nosa Señora do Carme.


En ambas celebracións oficiou a Eucaristía o párroco Rvdo. D. José Carlos Pérez Montes e foi cantada pola Coral “Ars Cantorum” de Guillade. O luns cocelebrou co oficiante, o Rvdo. D. Javier Alonso Docampo, párroco da Franqueira e a misa solemne foi cantada polo “Coro Sentimento”, de Paraños (Covelo).


As procesións dos dous días, coas dúas imaxes, fixeron o itinerario de costume, isto é, ata o cruceiro do antigo torreiro de festas de Santrandrel. Artístico cruceiro, que data de 1877 e foi levantado polo párroco Rvdo. D. Rafael Durán y Mera.


Deixo con esta pequena crónica cumprida a promesa e palabra dada a un amigo de Uma. Que o noso Patrón e Apóstolo San Andrés nos bendiga.


ACHÁDEGO DUN NOVO GRAVADO RUPESTRE EN EIRAS (O ROSAL). A SÚA DESCUBRIDORA, PALMIRA (CRIS) VAQUERO



Coñecín a Palmira (Cris) fai un mes, aproximadamente, cando contactou comigo para falar sobre os petróglifos do Rosal, especialmente dos que se coñecían en Eiras e Tabagón.


Contoume que xa tiña pistas da existencia de varias estacións de gravados. Convidounos a coñecer a zona de montes de Eiras, próximos e xa límite cos de Tabagón, zona da Portela. Non puidemos compracela, xa que nos atopamos ultimando un novo tomo do libro Cruceiros, cruces e almiñas do Baixo Miño, II Concello de Oia.



Sabemos que o mércores 15 de agosto, despois dun grande traballo de limpeza, confirmaba a localización deste interesante xacemento arqueolóxico, conxunto inédito de gravados rupestres, que en breve imos comentar. Este mesmo día Cris “colgou” emocionada tal novidade no seu perfil persoal da rede social Facebook, así como no público da web cultural Noticias O Rosal.


Fai pouco, convidados pola concelleira de Cultura do Rosal, Charo Tabales Perozo e pola propia Cris Vaquero, visitamos o conxunto rupestre en Eiras, na compaña tamén do admirador desta cultura prehistórica, Carlos Martínez Arzúa.


Trátase dunha afloración de pedra, sendo unha singularidade no noso concello do Rosal, que o soporte dos gravados non é o granito, senón xisto, xa que estes montes son prolongación do Monte Lousado.



Dito soporte xistoso, de forma un tanto alongada e non totalmente descuberto, mide sobre 7 m x 5 m e o alto máximo, sobre 1 m. A súa pequena inclinación oriéntase ao Norte. Entre outros motivos observamos cantidade de figuras de círculos concéntricos, algúns con coviña central e aínda conectados con sucos que entran ou saen; cuadrangulares inscritos, algúns con puntos, así como ovalados. Coviñas de tamaños diferentes, sucos longos con coviña na punta e no medio; claros serpentiformes a partir dunha coviña (cabeza).



Óllanse algunhas figuras circulares, que poderían ser espirais, pero necesítase unha observación e estudo máis detido. Aparecen neste interesante conxunto outras figuras curiosas, non frecuentes nos petróglifos do Baixo Miño, merecentes de estudo. A pedra mostra sinais de que os canteiros teñen arrincado lousas.



Este novo conxunto arqueolóxico, ademais da singularidade anotada, ten outra, que é o único destas características -con esa variedade de motivos simbólicos- que se atopa nas parroquias da Ribeira (Eiras, Tabagón e San Miguel).


Sobra dicir que se trata dunha manifestación rupestre de época prehistórica, cando menos da Idade do Bronce Final (1200-1100 a 700-600 antes de Cristo).



Nos consta que a Comisión de Cultura ven de dar parte deste achádego a entre outros departamentos, ao Museo de Pontevedra.


Palmira (Cris) Vaquero, noraboa por esta descuberta que ven a enriquecer o noso xa rico patrimonio arqueolóxico do Concello do Rosal.

PRESENTACIÓN DO LIBRO DE ÁNGELES VEREA CASTELO



O pasado 15 de xuño presentouse no Centro Cultural da vila da Guarda o libro Os desprazamentos estacionais dos telleiros do Baixo Miño (1750-1899), da autoría da profesora Mª de los Ángeles Verea Castelo.

Libro –perfecta síntese da súa tese doutoral- que foi merecedor do XV Premio de Investigación Jesús Ferro Couselo (2010), convocado polo Concello de Valga. Nós contamos cun exemplar, que amablemente nos foi dedicado pola autora.

Trátase da primeira e, ata agora, única publicación de investigación sobre os “cabaqueiros” do Baixo Miño, como empresarios. Estuda, singularmente os desprazamentos que se estableceron nesa época en Galicia, sobre todo na Coruña, de modo moi especial no Ferrol, a propósito das obras do seu astaleiro e arsenal.

Demostra a categoría xa naquel entón dos telleiros, máxime da Guarda (unha potencia) e do Rosal, en moito menor grado. Así coñecemos a técnica, produción e talento, moi especialmente dos buxas, na instalación de novas telleiras, compras, permutas de terreos, etc.

Eran tamén excepcionais comerciantes e prestamistas. Contaban con verdadeiros equipos (cuadrillas) de alta capacidade produtiva. Dá conta de cantidade de preitos, tanto cos donos dos barros, como cos operarios noutras ocasións.

Demostra que foron empresarios de prestixio na sociedade, tanto onde traballaban. como na comarca e parroquia de onde son naturais.


Verea Castelo dá a coñecer no seu libro de máis de 300 páxinas con imaxes, debuxos, esquemas, mapas, etc, interesantes noticias dos cabaqueiros, das súas telleiras, tanto en propiedade, como en aluguer, así como os pagos dos dezmos á Igrexa e á nobreza.

Na súa presentación a autora comezou dicindo que elixira o tema das telleiras xa que lle era familiar, tanto porque na súa familia houbera cabaqueiros, como tamén porque no seu pobo Boimorto (A Coruña) aínda quedaban claros vestixios das mesmas, que intentan agora restaurar.

Este libro non pode faltar nas bibliotecas dos investigadores ou estudosos do tema da “Cultura Cabaqueira” do Baixo Miño. Publicación que equivale a contar cun arquivo de datos, con aporte dos principais arquivos históricos, que a escritora consultou, onde se atopa diferente documentación, entre ela, os celebrados protocolos notariais.



NOSA SEÑORA DA FONTE, NA FRANQUEIRA (A CAÑIZA)



O pasado luns, 28 de maio, celebrouse unha das máis devotas e populares romarías de Galicia: “As Pascuillas”.

A esta romaría, a maioría das imaxes xa chegan en carrozas: “O Rocío” galego. A outra celebración ten lugar o 8 de setembro. Ambas festas na parroquia da Franqueira (A Cañiza), na antiga igrexa monacal da Orde do Císter, románica, do século XIII.


Este ano e ante o aumento de fieis devotos de Nosa Señora da Fonte ou da Franqueira, celebráronse os principais cultos nun novo lugar, próximo, baixo unha grande carpa.

E, polo tanto, o tradicional recibimento das imaxes e dos romeiros de cada parroquia con gaiteiros incluídos, fíxose por parte da imaxe de Santa María da Franqueira, non á beira da igrexa, senón baixo a citada carpa.

Aquí, despois do tradicional e folclórico recibimento pola imaxe anfitriona, coas cerimonias e xenuflexións das cruces, estandartes, pendóns e outro tanto coas imaxes e a fraternal e simbólica aperta, deu comezo a santa misa solemne.


A eucaristía foi cocelebrada nesta ocasión por dous bispos e o clero de diferentes parroquias máis inmediatas.

Oficiou o bispo de Tui-Vigo, monseñor Luis Quinteiro Fiúza, asistido por monseñor Gilberto Gómez Álvarez, bispo de Abancay-Perú, natural de Albeos (Crecente), que se atopa por estas terras. Aquí, na súa parroquia, naceu San Pelaio, que fixo o pasado ano 1100 anos do seu nacemento.


Fixo este ano a ofrenda á Virxe, a parroquia de Santa Cristina de Bugarín (Ponteareas), representada polo seu párroco, Ramiro Lamas Vázquez. Ao ofertorio, foron ofrecidos diferentes presentes, típicos da parroquia.

Rematada a eucaristía, saíron as imaxes en procesión ata a igrexa parroquial para facer –no adro- a ritual cerimonia da despedida, similar á da chegada.


Alá para as 4 da tarde, despois da comida de campo, o abade, Xavier Alonso Docampo, na igrexa e diante da fermosa e devota imaxe de pedra, saúda e despide a cada imaxe e aos fieis que a acompañan, desexándolles bo camiño e ata o ano que ven.

Fai clic aquí para ver a reportaxe completa desta romaría das Pascuillas na Franqueira.



TAMUXE REPRESENTOU A O ROSAL NO VIII CONGRESO INTERNACIONAL DE MOLINOLOGÍA. GALICIA 2012


O historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe presentou o domingo 29 de abril en Tui a comunicación titulada Muíños de O Folón e O Picón (O Rosal, Pontevedra) no VIII Congreso Internacional de Molinología. Innovación y Ciencia en el Patrimonio Etnográfico.




Tamuxe comezou a súa intervención dentro do bloque temático "Arquitectura, estudio y rehabilitación de elementos etnográficos y protocolo de restauración". Foi presentado por Rafael Sánchez Bargiela, director da Biblioteca Municipal de Tui e estivo acompañado na mesa principal por Rafael Vallejo, da Universidade de Vigo e presidente do comité científico do Congreso, do ponente Ángel Rodríguez e do produtor Federico De la Peña Santos.


Asistiron a este acto -entre outros rosaleiros- o alcalde da vila, Jesús Mª Fernández Portela, as concelleiras de Cultura e Turismo, Charo Tabales Perozo e Ángeles Vicente Manzano, o coautor do libro dos Muíños, Juan Ramón Martínez Barbosa ou o activo aventureiro e dono de varios muíños, Ignacio González Rivas.



Tamén estivo presente o investigador de Viladesuso, Agustín Alonso Rodríguez ou mesmo o arquitecto técnico municipal do Rosal, Fernando Vicente Solla, autor do póster-cartel que estivo exposto durante os días do congreso.


A clausura deste VIII Congreso Internacional celebrouse o luns 30  de abril na Área Panorámica e foi presidida polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez.

Reportaxe fotográfica completa da intervención de Tamuxe.

BENVIDO/A AO BLOG DE XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE



Moi boas e benvido/a ao meu blog.

Tras crear en 2008 este pequeno espazo en internet, retomo agora, catro anos máis tarde, neste 2012, e xa en serio, a actividade informativa e de aportación histórico-cultural sobre os elementos máis importantes do noso patrimonio.

Aquí falarei das miñas viaxes, experiencias, dos meus estudos, publicacións, etc.

Agardando que algunha información da páxina te sexa de utilidade -ou cando menos poida ser do teu interese- recibe un cordial saúdo.

Xoán Martínez Tamuxe
O Rosal, 27 de abril de 2012.

TAMUXE INTERVIRÁ CUNHA COMUNICACIÓN NO VIII CONGRESO INTERNACIONAL DE MOLINOLOGÍA


O historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe presentará a comunicación titulada Muíños de O Folón e O Picón (O Rosal, Pontevedra) no VIII Congreso Internacional de Molinología. Innovación y Ciencia en el Patrimonio Etnográfico que se celebrará na Área Panorámica da cidade de Tui os días 28, 29 e 30 de abril.

Tamuxe comezará a súa intervención o domingo 29 de abril ás 19:00 horas (grupo 11), dentro do bloque temático 2º: "Arquitectura, estudio y rehabilitación de elementos etnográficos y protocolo de restauración". Moderará Rafael Sánchez Bargiela, director da Biblioteca Municipal de Tui.


"CENTENARIO LA VOZ DEL TECLA. SEMANARIO CATÓLICO E INDEPENDIENTE. 1911- 2011". ÚLTIMO LIBRO DE TAMUXE


O último libro publicado por Tamuxe leva por título Centenario “La Voz del Tecla”. Semanario Católico e Independiente. 1911-2011. O prólogo é do historiador e profesor Joaquín Miguel Villa Álvarez.

Consta de 63 páxinas, ilustrado en branco e negro. Está editado pola Asociación Infomaxe e Muller Camiña con Nós. Neste traballo de investigación recóllense todos os datos da súa creación, os seus fundadores, correspondentes e colaboradores, ademais das súas actividades socio-histórico-xornalísticas.

LIBRO SOBRE OS MUÍÑOS DO PORTO EN VILAMEÁN


Sobre publicacións de libros, cabe lembrar o que, a propósito da restauración de cinco muíños, lles foi encargado a Juan Ramón Martínez Barbosa e a Xoán Martínez Tamuxe polo Concello de Tomiño (Delegación Municipal de Cultura).

O presente libro leva por título Muíños do Porto en fervenza. Patrimonio Etnográfico de Vilameán – Tomiño. A publicación foi editada pola Asociación Cultural Muíños do Porto.



Ten a presentación de Jesús Castiñeira Diz, naquel entón concelleiro de Cultura, Educación e Participación Veciñal. Conta con 66 páxinas, ilustradas a toda cor (máis de 50 fotografías), debuxos, etc.

O 7 de maio de 2011 presentouse oficialmente o libro en Vilameán, coa presenza -entre outros- dos autores, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, así como membros da Comunidade de Montes de Vilameán e da Asociación Cultural Muíños do Porto.

MEMORIA DE LEMBRANZA AO CABAQUEIRO 2011



Con motivo da anual Festa en homenaxe e lembranza dos cabaqueiros, xa na XXIV edición, Tamuxe publicou en 2011, a correspondente Memoria-crónica do pasado ano.

Consta de 45 páxinas. Ilustrada en branco e negro. Leva presentación de Charo Tabales Perozo, concelleira de Cultura do Rosal. Obradoiro para nenos/as. Participantes no II Campionato de Futbolín “Os Cabaqueiros”. Actos relixiosos. Lectura do pregón por José Manuel Bouzón, profesor e historiador (na imaxe).

Demostración cabaqueira: “taxicar cabacas e toupos a joucha”. Biografía do telleiro Vicente Fernández Álvarez. Vocabulario en verbo (Enciclopedia Galega Universal). Follaca da Jalleira (carta da aldea). Crónica en visita a telleiras de Galicia, etc.

PRESENTACIÓN DO SEGUNDO NÚMERO DA REVISTA CASTELLUM TYDE DO INSTITUTO DE ESTUDIOS TUDENSES



O 26 de febreiro de 2010 presentouse na Área Panorámica de Tui o segundo número da revista Castellum Tyde, do Instituto de Estudios Tudenses.


Interviron no acto, Clodio González Pérez, Silvia González Soutelo e Xoán Martínez Tamuxe, que foron un a un, desglosando e resumindo os temas desta nova publicación, que consta de 312 páxinas.


-Eliseo Alonso Rodríguez, por Xoán Martínez Tamuxe.
-Limpeza, documentación e reproducción de dúas estacións de gravados rupestres no Monte Tetón, Tomiño. Petroglifos de Portaxes e Real Seco. (Juan José Perles Fontao).
-O Casino Vello de Tui. Unha secuencia completa do Tude romano. (Juan José Perles Fontao).
-El mundo indígena y romano en la antigua provincia de Tui. Aproximación al tema. (Juan José Hidalgo Cuñarro).
-Aportación ao estudo da identificación, antigüidade e cristianización das primeiras parroquias da sede episcopal de Tui citadas no II Concilio de Braga no 572. (Xoán Martínez Tamuxe)
-Santa María de Bongoi. (Suso Vila).
-Los Milagros de San Telmo (1258). Introducción y transcripción. (Manuel Martínez Fernández).
-Milagros acaecidos después de la muerte del siervo de Dios y examinados por orden del obispo de Tuy D. Gil. Publicados ahora por primera vez.
-Traslados de las reliquias de San Pedro González Telmo en la Catedral de Tui. (Avelino Bouzón Gallego).
-Episcopologio Tudense. Don Luis Marliano (1517-1521) un Obispo de su tiempo. (Antonio Hernández Matías).
-La obra de Joâo Fagundes, un pintor-dorador de Braga, en la Catedral de Tuy. (Xavier Añoveros Trías de Bes).
-Resumen histórico de los conflictos surgidos entre Portugal y Galicia a ambos lados del río Miño. (Jaime Garrido Rodríguez).
-Notas sobre la invasión francesa en la antigua provincia de Tui. (Ernesto Iglesias Almeida).
-Proyección pastoral del obispo García Benito y la Invasión Francesa. (Jesús Casás Otero).