Novo libro: Memorial de la Granja y Ermita de Sanoane (S. Juan). Historia y tradición.

Portada do libro Memorial de la Granja y Ermita de Sanoane


Memorial de la Granja y Ermita de Sanoane (S. Juan). Historia y tradición. Este é o título dun dos últimos libros de Tamuxe, que leva un "A modo de presentación" de Charo Tabales Perozo, concelleira de Cultura do Rosal, así como a "Presentación y motivo", a cargo da adega Lagar de Fornelos. Por suposto, prólogo, da autoría de Joaquín Miguel Villa Álvarez, doutor en Historia Contemporánea e profesor do colexio dos PP Somascos de A Guarda. Este libro foi editado polo Concello do Rosal, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e Lagar de Fornelos. Na dedicatoria lémbrase aos doutores e historiadores, M.I. D. Juan Domínguez Fontela e M. I. D. Jesús Gómez Sobrino, guardeses estudosos do Baixo Miño.


Nesta publicación, integrada por 103 páxinas, con máis dun cento de fotografías e debuxos, trátase da primeira cita histórica desta granxa con ermida, de San Xoán (Sanoane) no século XII, cando pertencía ao Mosteiro de Oia. Tamén da granxa rexida por un frade e posterior pertenza ao Hospital de San Marcos, da Guarda. Recóllese así mesmo a primeira cita do viño (un cultivo na Vila de Lordelo) no ano 1123, antes, por tanto, da fundación do Mosteiro de Oia, en 1137. Tamén se fai mención a esa zona mineira das Bornas, explotadas polos romanos no século III d. C. Lémbrase neste libro de Xoán Martínez Tamuxe a devoción e referencias de tradición e históricas á ermida de Santa María ou de Nosa Señora do Orto (San Miguel de Tabagón), así como que se dá a coñecer un apéndice documental das dúas ermidas aquí estudadas e os preitos existentes entre os abades de San Miguel e D. Antonio de Castro. R. Avalle, da nobreza galega (Nigrán).